Saturday 27 de April de 2024

Cabalgata de Reis 2024


Os edís Francisco Suárez-Puerta, Antía Alberte e Fernando Abraldes presentaron a cabalgata de Reis que terá lugar o vindeiro 5 de xaneiro a partir das 6 da tarde. As súas maxestades chegarán ao Porto de Ribeira nas embarcacións da Cofradía da Dorna e dende alí irán a pé ata a Rúa de Canarias, de onde sairá todo o desfile.

A Cabalgata estará formada por dez carrozas, das cales tres son as das súas maxestades, unha carroza da Estrela de Belén e seis carrozas de temática infantil que xirarán en torno ao escritor Julio Verne e os seus libros. A comitiva estará formada por arredor de 300 persoas, xa que se contará coa participación de distintas agrupacións e compañías que amenizarán o evento.

Este ano amplíase o percorrido para tratar de chegar a máis zonas da cidade; pasando pola Avda da Coruña, Paseo das Carolinas, parque García Bayón, Romero Ortiz, Rúa de Galicia, Rúa Canarias, Miguel Rodriguez Bautista ata a rotonda da Serea, Rosalía de Castro, Rúa Martiño de Ribera e Rúa Talleres Nervión. Nesta última remata o percorrido e as súas maxestades baixarán das carrozas para dirixirse á Praza de España onde será a recepción e onde saudarán ao Belén Vivinte.

Durante o percorrido lanzaranse 2500 kgs de caramelos sen glute; e unha vez rematada a cabalgata, as súas maxestades saudarán a todas as persoas que estean agardadndo e procederñan a realizar o sorteo de 3 agasallos entre os nenos e nenas que recibiron as súas rifas por visitar ao Carteiro Real, o Apalpador e o Pai Noel nas distintas actividades.